
Hoxe falamos con Uxío Novoneyra, da Fundación Uxío Novoneyra. Cal é a súa actividade? Que obxectivos teñen?
Este verán traballará con eles un antigo alumno do noso mestrado. Cal vai ser o seu labor? 😉
Brevemente, describe cal é a actividade da fundación
A fundación Uxío Novoneyra é unha fundación estatal sociocultural e medioambiental, non o típico centro de interpretación a xeito de mausoleo que podes agardar, segundo unha museoloxía máis ou menos clásica, cunha actividade disociada en dúas liñas estratéxicas:
1. A patrimonial, localizada na valorización e divulgación do legado e territorio literario e vital de Uxío e o seu círculo, nucleada ao redor da casa-museo como interfaz activo e produtivo, do Courel e as montañas de Lugo como museo aberto, e de Galicia como comunidade cultural-lingüística dentro dos espazos europeo, lusófono e latinoamericano.
“Recoller, gardar e doar” e “O poeta é un atualizador do Pasado, pero tamén un gardador” son os lemas que nos guían, e xunto as bases do seu pensamento nos fan de manual de instrucións desta ferramenta que entendemos é a entidade. Un hub de cultura, medio e desenvolvemento rural de montaña.
2. Os proxectos de innovación e internacionalización cultural-literaria, seguindo o ronsel de Uxío como embaixador da república das Letras que foi, directamente, a través dos proxectos que explicaremos logo, ou apoiando os proxectos doutras entidades e territorios do País, non soamentes dentro del, en base a nosa colaboración, asistencia, acompañamento e asesoramento. Ao dispor, para o que necesiten, se podemos, como sempre.
En que proxectos estades a traballar?
Ademais dos proxectos e actividades que desenvolvemos anualmente, para terceiros, ou de xeito efímero, temos unha batería de diferentes proxectos estratéxicos dos que nos sentimos certamente ledos:
- Ith Crowdfunding: Que é unha plataforma de crowdfunding para proxectos ICC iniciada en 2013 e reiteradamente apoiada polo MECD, a cal se combina co canal LAR de proxectos de sustentabilidade cultural-ambiental que temos para Galicia con Goteo. Estas dúas plataformas web son a base dunha estratexia de sensibilización de públicos e de formación de profesionais na metodoloxía e tecnoloxías de crowdfunding aplicadas as Industriais Culturais e Creativas, as cales consideramos de grande necesidade para o sector no futuro.
- O Festival dos Eidos e a rede Litfest: Na terceira edición deste festival poético-cultural estreamos o certificado EFFE de festivais remarcables no nivel europeo e seguimos a mesturar poesía oral e visual con música e artes escénicas nun entorno privilexiado. No cuarto ano de funcionamento da rede europea de festivais literarios en zonas isoladas, que promove o intercambio de propostas, boas prácticas, experiencia, coñecementos e formación na organización deste tipo de eventos, lideramos a incorporación de novos festivais en Portugal e Irlanda á rede, recibimos unha mención de “Boa práctica europea”.
- O proxecto SILO: Unha nova rede de entidades que traballaremos con leituras literarias socialmente inclusivas en espazos non ortodoxos, polo que faremos intervencións literarias en espazos que non se agardan: despoboados, sanitarios, penitenciarios…o vagón dun tren. Unha sorte de redistribución espacial literaria, apoiada polo programa Europa Creativa e liderados por Aarhus, Capital Europea, xunto a outros 7 países dende este mesmo ano.
- O Arquivo Novoneyra: Ademais de gardar o arquivo persoal, literario, e como presidente da AELG, de Novoneyra; tamén gardamos o literario de María Mariño, da que se cumple o 50 aniversario do seu falecemento, e o de Carlos Oroza. Non é soamentes un arquivo literario, o cal xa é interesante en por si, mais tamén gardamos o arquivo familiar, que exemplifica mui ben a cultura labrega de alta montaña. Tentamos de facer ao noso arquivo ademais dunha ferramenta de historia e investigación un nodo dinámico de divulgación e diálogo coas outras liñas de traballo.
- A colección de publicacións “Valumbo”, na cal tentamos de fomentar proxectos editoriais físicos, dixitais e transmedia, de tradución e difusión da nosa literatura fora das nosas fronteiras ou de recepción doutras aquí: carpetas de arte co deseño máis actual, ebooks, Antoloxías da poesía novísima para Latinoamérica, de poetas labregos como patrimonio, formatos non ortodoxos de libros; ademais dun apoio á distribución fora das nosas fronteiras da literatura que consideramos máis interesante e innovadora: De Carlos Oroza a Tálata Rodríguez, ou de Fantoches Baj a Carmen Moreno…
- O proxecto “Flor Novoneyra”, xunto a Antón Lamazares: Unha sorte de proxecto de arte contemporánea dun dos pintores máis potentes de Galicia, estreado na Cidade da Cultura máis cun horizonte de viaxe por Europa como exemplo da encrucillada entre arte contemporáneo, poesía, cultura labrega e metodoloxías innovadoras de produción e distribución.
Este verán traballará con vós un antigo alumno do mestrado. Cal vai ser o seu labor?
Desenvolverá unha labor de apoio e reforzo aos proxectos e actividades estivais: O III Festival dos Eidos, o pico de visitas e actividades que supón o verán na casa-museo, ou a preparación e activación das iniciativas do segundo semestre da fundación. Como trae o know-how do voso mestrado, que entendemos mui potente, estamos expectantes por velo interaccionar coas diferentes liñas de actividade da entidade e como ésto trae melloras e novos xeitos de enfoque.
Xa o coñecemos, pois non é a primeira colaboración, polo que sabemos que é un acerto: funciona como unha navalla suíza.
Parabéns pola parte que vos toca, pois entendemos que unha formación específica como a vosa redunda nunha comunidade profesional á altura dos desafíos atuais e futuros da Cultura e do País.
Que obxectivos tedes para o futuro?
Intentar conectar a literatura e o resto da cultura galega coas mais innovadoras entidades do sector no nivel europeo, que para iso nos gabamos de ser un pequeno laboratorio de innovación. Seguir a diversificar a nosa actividade en todos os eidos interesantes á vez que necesarios, e facer “xestión cultural extrema” ou “de alta montaña”, entre a Wi-Fi satelital e a desbrozadora. E cos rendementos destes traballos, completar a rehabilitación e adecuación da casa-museo para usos socioculturais e ambientais, para que Courel e a Montaña teñan un centro, como Cerezales, en León, que lles provea de servizos e programacións de vangarda.
Tamén, dado que acadamos mais da metade dos nosos recursos en convocatorias abertas e competitivas, dende Europa ao País, reordenamos a nosa axenda segundo os éxitos nestes procesos competitivos e o calendario dinámico que nos impoñen, o cal constitúe un reto organizacional mais tamén dota o traballo de certo dinamismo, sorpresa e determinación. Non nos aburrimos aquí arriba!
Que temos que mellorar en xestión cultural en Galicia?
- As políticas de creación de públicos, en quizaves a rexión europea de menor consumo e valoración da cultura, mais tamén unha histórica potencia cultural e, nomeadamente, literaria;
- o equilibrio produción/distribución, que inda sigue nun 70/30%, co conseguinte cuello de botella; e
- democratizar unhas capacidades de xestión transversal sen perder o coñecemento da especificidade das expresións culturais, a xestión da diversificación do financiamento, e a relación coas TIC e co Turismo Cultural, no cal temos un gran potencial, moito del turismo interior, e polo tanto tamén política de públicos. O diálogo coral entre culturas, sociedades, administracións…Non temos que mellorar mais que nos xeitos, e non mais que outros. Galicia sempre foi punteira e vangarda en Cultura, pero cunhas estruturas mui anémicas e desequilibradas, orzamentaria, competencial e territorialmente. ademais o tempo anda para todos igual, aquí e fora.Temos que actualizarnos estratéxica e periódicamente para voltar a ser vangarda e poder cumprir coa excelencia, nunha tríada de calidade, eficiencia i equidade. E convivir conscientemente cos retos da Cultura Dixital, da Cultura no Rural, da Democratización Cultural, da Diplomacia Cultural, da gobernanza multinivel… a Cultura, como o mundo, é unha cousa ben complexa, avanzan xuntos sempre, para un sitio ou outro… “E inda é nova a Terra!”
Oe, para os que o estean a ler, matriculádevos! Quén me dera a mín! Para estudar, Lugo (tamén)!