Uxía Caride: “A cultura é un valor que nos fai humanos e que debemos coidar”

Hoxe falamos con Uxía Caride, xerente de AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e mestra no Grao de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural na Universidade de Santiago. Falamos con ela sobre o seu traballo, pero tamén sobre o sector da cultura en Galicia e o camiño que ten por diante.

Quen é Uxía Caride? De onde es? A que te adicas?

Son unha persoa interesada en moitos ámbitos que teñan en común a cultura entendida no seu sentido máis amplo. Encántame ler, o teatro, o cine, a cociña, a costura, as manualidades, os animais e, por suposto, viaxar. Estudei Comunicación Audiovisual e especialiceime con varios másters en produción executiva e docencia. Son de Cambados e desde hai sete anos dedícome a traballar como xerente en AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes), unha entidade que agrupa as principais empresas de produción audiovisual galegas e que este ano cumpre 25 anos desde a súa creación. Tamén traballo como profesora asociada no Grado de  Ciencias da Cultura e Difusión Cultural.

Fálanos do teu traballo na universidade

O meu traballo na Universidade pasa por impartir docencia nas modalidades presencial e semipresencial na materia de Análise das manifestacións culturais nos medios. É unha materia ben interesante que permite abordar moitas cuestións de plena actualidade como o tratamento das noticias, as fake news ou a posverdade, sempre desde unha óptica de pensamento que favoreza a diversidade e a crítica.

Que facedes en AGAPI? Cal é o estado de saúde do audiovisual galego?

En AGAPI o que facemos principalmente é defensa sectorial. Queremos un futuro audiovisual que poña ao sector ao nivel que merece como estratéxico, con maiores investimentos públicos e unha mellora nas políticas e na lexislación.
O estado de saúde do sector en termos de talento é moi bo, está ben recoñecido a nivel internacional e os proxectos e empresas están ben valorados. A pesares disto, Galicia é pouco visible como cultura con lingua propia. A imaxe exterior está moi desaproveitada, poderían facerse moitas accións servíndose do éxito colleitado nos festivais internacionais.

Hai uns días que puideches asistir á presentación dos proxectos que formaron parte da última edición do CulturaLab, do Máster en Servizos Culturais. Que che pareceron?

Parecéronme proxectos moi sólidos e interesantes que poderían desenvolverse de xeito real. Penso que traballar na venta de ideas a través de pitching ou exposicións orais abre moitas portas á hora de buscar colaboradores ou mellorar o estado dos proxectos.

Un consello para alguén que queira traballar no eido da xestión cultural en Galicia

Traballar no eido da xestión cultural en Galicia non é doado. Estamos ante un sector bastante atomizado que tende a repetir sempre os mesmos erros. A precarización xeral da cultura vencellada moitas veces a decisións políticas engade eivas na xestión. Debemos traballar nunha maior diversidade de voces e a prol da conciencia crítica co fin de abrir portas a todas as persoas que queiran traballar na cultura, sen perder de vista a mellora progresiva das condicións laborais. Non pode ser que cultura se asocie a precariedade.

Antes preguntábache polo estado de saúde do audiovisual galego. Se ampliamos un pouco a perspectiva, como ves o sector da cultura? Que deben mellorar administracións e empresas?

O estado xeral da cultura en Galicia para min pode ter varias lecturas. Por un lado,  contamos con un grandísimo talento persoal en todos os ámbitos que fai que sexamos punteiros en creatividade pero tamén cómpre destacar que faltan políticas públicas decididas que aporten estabilidade temporal e maiores certezas.  É necesario apostar polas empresas, abrir novos mercados internacionais con apoio público e non perder de vista que a cultura é un valor que nos fai humanos e que debemos coidar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s