Este ano decidimos volver far con Uxío Novoneyra, da Fundación Novoneyra, porque o seu traballo fala e moi ben do noso patrimonio cultural e demostra que este se encontra ata nos recunchos máis lonxanos e menos poboados de Galicia. Atentos ás respostas.
Hai case un ano que non falamos; que destacarías do que aconteceu na Fundación Uxío Novoneyra neste tempo?
No 2018 traballamos en dúas liñas principalmente. Na patrimonial, localizada na valorización e divulgación do legado e territorio literario e vital de Uxío e o seu círculo, nucleada ao redor da casa-museo como interfaz activo e produtivo do Courel e as montañas de Lugo como museo aberto. Continuamos a rehabilitar espazos da casa para usos culturais, continuamos o proxecto da forxa en orde a crear unha residencia literaria para creadorxs e investigadorxs; iniciamos a reconversión da paneira no arquivo da fundación, do forno en orde a xerar servizos complementarios de hostalería e seguimos avanzando na dotación de servizos xerais para o resto de espazos.
En canto aos proxectos de innovación e internacionalización cultural-literaria, seguindo o ronsel de Uxío como embaixador da república das Letras que foi, directamente, a través dos proxectos que xa vos temos contado, salientamos este ano:
- Ith Crowdfunding: Na plataforma de crowdfunding para proxectos ICC iniciada en 2013, a cal se combina co canal LAR de proxectos de sustentabilidade que temos para Galicia con Goteo, continuamos implementando a estratexia de sensibilización de públicos e de formación de profesionais na metodoloxía e tecnoloxías de mixdfunding aplicadas as Industriais Culturais e Creativas, co voso centro, con atención especial ao micromecenado de proxectos patrimoniais polo Ano Europeo do Patrimonio, as vosas últimas xornadas profesionais centradas na industria editorial, e tamén co Curso de Espacialización en Xestión Cultural da USC en Compostela, co Centro de Emprendemento en Industrias Creativas da Cidade da Cultura, co noso I Curso de Novas tendencias na Edición no Centrad, colaborando co I CTRLugo, e co Plan de formación de traballadorxs da Deputación da Coruña.
- A colección de publicacións “Valumbo”, na cal tentamos de fomentar proxectos editoriais físicos, dixitais e transmedia, de tradución e difusión da nosa literatura fora das nosas fronteiras ou de recepción doutras aquí: Estamos a presentar a nova edición de Os eidos, na Biblioteca de Mesopotamia, o noso poemario totémico e a tradución ao inglés de Erín Moure da novela biográfica de Uxío feita por Antón Lopo, que foi presentado en Madeira e a de “O Asombro” (“The Owe”), que presentaremos a final de mes en Voulmentin. Como colofón o discolibro “Uxía-O”, producido directamente por nós e que está a recabar múltiples premios como os PIM, Martín Codax e da Música de Raíz.
Como se presentan os próximos meses? Como vai o traballo do Arquivo Novoneyra?
No quinto ano de funcionamento da rede europea de festivais literarios en zonas isoladas, que promove o intercambio de propostas, boas prácticas, experiencia, coñecementos e formación na organización deste tipo de eventos, estamos e estaremos presentes nos festivais de Madeira, Voulmentin e Cork. No SILO seguimos a traballar con leituras socialmente inclusivas en espazos non ortodoxos, polo que faremos intervencións literarias en espazos que non se agardan: despoboados, sanitarios, penitenciarios…o vagón dun tren…
Sobre o Arquivo Novoneyra, ademais de seguir a desenvolver o arquivo persoal, literario, e como presidente da AELG, de Novoneyra –tamén xestionamos o de María Mariño e o de Carlos Oroza, dentro do noso legado–, fumos de novo apoiados pola Xunta e o Ministerio, polo que seremos o primeiro arquivo non eclesiástico de Galicia integrado no programa PARES. Estámoslle a habilitar un espazo de gran valor patrimonial, a paneira da casa, que agora conservará documentos.
O ano pasado falabamos de que mellorar en xestión cultural. Estes días está de actualidade o cambio de goberno e no ministerio de cultura. Que lle poderiamos pedir ao novo ministro?
Sen coñecer a José Guirao, ten as mellores referencias e coñecemeos e visitams sempre La Casa Encendida que é un prodixio de xestión. Anunciou o intento de desenvolver unha lei de mecenado, reducir o IVE cultural e desenvolver un plan de fomento da leitura, polo que agora pedirémoslle que apoie o patrimonio literario neste final do Ano Europeo do Cultural e que reactive, convocando de novo, ou amplie o orzamento das liñas de apoio tradicionais do Ministerio: Museos, Patrimonio, Libro… e que veña e apoie a Galicia, que somos unha potencia cultural. É un xestor de verdade, polo que desexarlle o mellor e ver que pode facer estes 2 anos de lexislatura.
Que tal foi traballar cun alumno do noso mestrado? E, aínda que nos repitamos un pouco, con que se vai atopar unha alumna ou alumno que decida traballar con vós no futuro?
Xa sabedes que tendo dentro dos puntais do noso equipo a Óscar Sobrado non podemos máis que parabenizaros por axudar a profesionais da xestión cultural tan eficaces coma polivalentes.
Sempre que colaboramos co voso mestrado e a facultade voltamos ao Courel coa esperanza de que se está a crear un grupo de profesionais da xestión cultural de garantías para o País. Entendemos a orientación que leva a formación como o camiño correcto para desenvolver o perfil que a Cultura necesita, dentro da tensión permanente entre a actualización e os procedementos que se da en todas as estruturas educativas.