Encarna Lago, Xerente da Rede Museística Provincial de Lugo: “Debemos desfacer os discursos hexemónicos e guerrear palabra a palabra, dende a fronteira das mil linguaxes, un discurso novo”

Foto: https://www.facebook.com/redemuseisticaprovincial/

Publicar un titular dunha nova de catro liñas é un erro de primeiro de xornalismo. Pero queriamos chamar a atención sobre unha entrevista diferente. Encarna Lago é Xerente da Rede Museística de Lugo e defende, entre outras cousas, que “un museo que non está aberto ás persoas non é un museo”. Para os alumnos do mestrado que decidades traballar con eles apunta: “Un novo museo chegou para quedar, un museo traballando e pensando no común, un museo no que ninguén quede fora. Eses serán os retos de quen veña a traballar con nós”.

Para quen non estea informado, que museos compoñen a Rede Museística?

A Rede Museística Provincial, foi constituída oficialmente no mes de xuño do ano 2006, e aglutina os catro Museos actualmente dependentes da Deputación Provincial de Lugo: Museo Provincial de Lugo , Museo Etnográfico Fortaleza de San Paio de Narla, Museo Etnográfico Pazo de Tor e o Museo Provincial do Mar de San Cibrao.

Brevemente, en que consiste o teu traballo?

O meu posto como Xerente da Rede Museística Provincial ten a responsabilidade de dirixir, planificar, coordinar, programar os departamentos de Comunicación e Xestión, Difusión, Didáctica, Vixilancia e Guías, Xestión Administrativa, Atención ao Visitante, Accesibilidade e Capacidades Diferentes e Mantemento dos catro museos da RMP, así como dirixir todas as actividades e funcións dos Museos de San Paio de Narla, Pazo de Tor e Museo do Mar.

Tras dezanove anos de experiencia na dirección, programación e xestión de museos dentro das liñas do “Movemento Internacional para unha Nova Museología (MINOM)”, podo identificarme –máis aló de todo cargo- como palabreira de liberdade, unha mediadora–catalizadora que cree que a cohesión social devén da alegría de sabernos diversos e de felicitarnos por iso. Debemos desfacer os discursos hexemónicos e guerrear palabra a palabra, dende a fronteira das mil linguaxes, un discurso novo ese é o meu traballo.

Nalgún lugar lemos que o voso é un modelo de xestión con conciencia e responsabilidade social. Estamos no certo? En que se traduce?

Distintos premios recoñeceron o noso traballo nesa liña: Premio da Crítica de Galicia, Premio Once Solidariedade 2011, Premio Galicia Inclusión 2017, Premio Ibermuseos 2017… O noso Plan de Inclusión forma parte do Banco Galego de Boas Prácticas e dentro do proxecto ITTSOIN, once universidades europeas coordinadas pola alamana de Heidelberg, consideran que este modelo de xestión coa comunidade supuxo un modelo a imitar de innovación e rexeneración   territorial.

Dende a súa creación, esta Rede, na súa vocación de servizo público, foi unha institución comprometida coa sociedade, actuando como dinamizador cultural en cada unha das comarcas da nosa provincia, ata converterse nun referente cultural de primeira orde, recoñecida tanto en Galicia como fóra da nosa comunidade.

Un modelo de sostibilidade froito da iniciativa dun grupo de funcionarixs responsables que fomos conscientes da necesidade de coordinación e de optimización de recursos, tanto técnicos como humanos, de todos estes museos dependentes da Deputación de Lugo que sin formar parte dunha rede non serían museos.

A túa pregunta de, en que se traduce? Tradúcese simplemente en ser “museos”, porque un museo que non está ao servizo das persoas non é un museo. Os espazos vedados a unha parte importante da sociedade durante anos, co noso modelo pasan a ser ocupados por colectivos diversos que, aos poucos, vanse visibilizando, empoderando e reclamando a pasaxe de estatuas de pedra a actores de carne e óso. Protagonistas das súas propias historias, en disposición de achegar as intrahistorias que definen os construtos histórico-temporais coa achega de todas as miradas. Os profesionais que defendemos a Museoloxía Social ─Socio-museoloxía─, a museoloxía crítica, a alter museoloxía, somos conscientes de que a sociedade está en mudanza, en cambio continuo, e a definición de museo debe mudar, transformarse e evolucionar, á par desa sociedade. Ir cara a unha nova institución con responsabilidade social que incorpore á comunidade na construción do proceso museolóxico.

Se un alumno do noso mestrado decide facer prácticas con vós, cal podería ser o seu traballo? A que realidades se vai achegar?

Dice Mario Chagas “A Museoloxía que non sirve para a vida non sirve para nada”.

Na RMP hai oportunidades infinitas tantas como a vida, pola diversidade dos nosos museos, das nosas coleccións e da nosa comunidade do noso territorio, así como as funcións a desenvolver nos museos son múltiples: investigación, difusión, didáctica…Temos por diante o reto de reformular a institución en clave de diversidade e igualdade. A renovación do pensamento e da práctica museolóxica iniciada por Henry Riviere e André Desvalles, a alter museoloxía de Pierre Mayard, marcáronnos o camiño. Debemos profundar na idea dun museo expandido, aberto, flexíbel, dinámico e accesíbel á expresión humana: aspiramos a traballar en rede en contornas compartidas. Un novo museo chegou para quedar, un museo traballando e pensando no común, un museo no que ninguén quede fora. Eses serán os retos de quen veña a traballar con nós.

Sempre o preguntamos. Que temos que mellorar en xestión cultural en Galicia?

O resumiría nunha cita “Sen políticas culturais non hai democracia nin desenvolvemento …”. As políticas culturais non son photocalls, a cultura é un ben público (de todxs con todxs para todxs) .

Reflexionemos : “As políticas públicas son fundamentais porque a través delas deséñase unha regulación colectiva que fortaleza a creatividade, a democracia , a cidadanía cultural, a diversidade de identidades e a equidade na asignación de recursos e acción públicas”. Estase traballando nesa liña en Galicia? Que cada quen saque as súas conclusións, nós seguimos facendo como na fábula do colibrí…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s