Entrevistamos a María Xosé Fernández, subdirectora do Museo do Pobo Galego

O Máster en Servizos Culturais permite, entre outras cousas, realizar prácticas en entidades públicas e privadas. Entrevistamos a María Xosé Fernández, subdirectora do Museo do Pobo Galego, que nos conta en que están a traballar neste ano no que celebran o seu 40º aniversario, e nos explica o que podería achegar a un alumno facer prácticas nesta entidade.

Brevemente, cal é a actividade que se desenvolve no Museo do Pobo Galego (exposicións, actividades, etc.).

O Museo do Pobo Galego é un centro prestador de servizos culturais. Isto significa que, xunto ás actividades de colección, conservación, investigación, exposición e divulgación propias dunha institución desta natureza, organiza un conxunto moi amplo e diverso de actividades de educación e acción cultural.

Como se presenta este verán? Que non podemos perdernos?

O ano 2017, en conxunto, ten un carácter especial, porque en outubro cúmprese o 40º aniversario da apertura do Museo. Durante o verán expoñemos “Parábola da abundancia”, un proxecto de Terry Berkowitz e Francesc Torres centrado no traballo das mariscadoras. No outono celebraremos a mostra conmemorativa do 40º aniversario. Tamén estamos desenvolvendo ao longo do ano actividades seriadas, como o programa “Teño unha peza”, ou os foros de debate “O noso pobo, de hoxe noutros corenta anos”.

Se un alumno do Máster en Servizos Culturais decide traballar con vós, que faría? Que vai aprender?

Cando unha persoa vén facer prácticas ou FCT, procuramos que participe e se informe de todo o traballo que realizan os distintos departamentos e servizos: biblioteca e arquivo, coleccións, educación e acción cultural, exposicións, e mesmo da recepción e información ao público, sempre en consonancia co perfil da formación de cada alumna ou alumno. Aspiramos a que a relación sexa positiva e enriquecedora para ambas as partes.

Que consello lle darías a un alumno ou alumna que quere traballar no eido da xestión cultural?

Para poder desempeñar un traballo neste ámbito é esencial ter un bo coñecemento do medio no que se vai desenvolver. A cultura galega, para o caso, é un factor imprescindible, e neste ámbito a lingua xoga un papel esencial tanto na comprensión como na comunicación. O manexo das tecnoloxías da información é tan importante como a capacidade para participar nun traballo de equipo, achegar ideas e transmitilas.

Que temos que mellorar en xestión cultural?

Quizais estar un pouco máis apegados á realidade do traballo de xestión cultural. Habitualmente, hai que se desenvolver con medios limitados e cun alto grao de ductilidade para actuar nunha contorna de gran dinamismo, no que cómpre primar a participación das persoas usuarias.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s