“Temos que continuar cun investimento sostido no eido cultural, apoiando aos artistas emerxentes e propiciando espazos de intercambio e reflexión”

María Pereira é Directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura. Falamos de novo con ela para coñecer un pouco máis polo miúdo a actividade cultural que se vén desenvolvendo nos últimos meses no Gaiás, así como da programación de cara este verán. Tamén preguntamos sobre as aptitudes que debería ter un alumno/a do noso máster que decida traballar con eles. 

Hai un ano,  xusto antes de que comezase a novena edición do Máster en Servizos Culturais, mantiñamos esta mesma conversa. Que destacarías da actividade cultural que se desenvolveu na Cidade da Cultura nestes últimos meses?

Ás veces non é doado salientar unha única actividade ou capítulo da programación, xa que cada iniciativa ten unha propia dinámica e uns obxectivos que acadar e mesmo unhas propias características que a fan máis ou menos valorada ben polo público, ben pola parte da xestión ou polo coñecemento ou vivencias que xeneran.

Ainda así, destaco a posibilidade de ter acollido a exposición “Castelao Maxistral” que contiña o emotivo e simbólico cadro “A derradeira leición do mestre” que por vez primeira viña a Galicia, unha obra de referencia da nosa diáspora feita en 1945, mais lembrando o capítulo terrible da guerra do 36. Tamén no eido das mostras saliento a titulada “Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia”, en exhibición ata o 8 de setembro. Trátase dunha aposta para poñer en valor o noso rico legado artesanal tanto na súa vertente tradicional, como na súa realidade máis de vangarda. A salientar a fermosa e impresionante instalación contemporánea que nos recibe nesta exposición cando entramos na primeira planta do Museo Centro Gaiás.

E, non podo deixar de citar a extraordinaria ocasión de ter reunido no festival “Escenas do Cambio” a Esther Ferrer, Isidoro Valcárcel Medina, Vera Mantero ou Melania Cruz, por citar catro exemplos do programa escénico deste ano 2019.

Que nos recomendarías da programación do Gaiás para o verán e no que resta de 2019?

Para o verán é unha cita imprescindible o ciclo “Atardecer no Gaiás”, a escolma de concertos para os meses de xullo e agosto na Praza Exterior con nomes como Cecilia Krull, Laura Lamontagne, Kumbia Boruka, Apartamentos Acapulco, Agoraphobia, De Vacas, Las Migas, Floridablanca, Miss Bolivia, etc.

Considero necesaria a visita á instalación da artista María Arceo nas Torres Hejduk, “Plástico a mareas”, onde fai unha chamada ao consumo responsable na cuestión do plástico. Precisamente trátase dunha obra feita co refugallo plástico que atopou nas crebas de praias da costa galega.

E outra iniciativa de distinta índole: “Gaiás Secreto”, na que explicamos a arquitectura e o espazo natural da Cidade da Cultura, visitando lugares que normalmente non son de acceso público, é unha actividade moi atractiva para afondar e coñecer máis en profundidade o proxecto.

Que aptitudes debería ter un alumno ou alumna que se queira dedicar á xestión cultural?

Evidentemente ten que ter un coñecemento amplo do que é a cultura a nivel xeral e os recursos para afondar naqueles aspectos que se presenten no traballo diario, cuestións relativas ao estudo das humanidades (en función da tarefa a desenvolver pesarán máis distintas facetas) e, desde logo, o coñecemento de ferramentas de xestión a nivel de traballo en equipos, economía, comunicación ou mercadotecnia.

Pero non unicamente son importantes as aptitudes, como noutros traballos a actitude é fundamental para abordar o desempeño no teu posto de traballo.

Neste sentido, que tipo de traballo se lle oferta desde o teu Departamento a un alumno/a do máster?

No departamento de Acción Cultural da Cidade da Cultura de Galicia desenvólvense tarefas relativas á xestión e produción de exposicións e intervencións artísticas, como a petición de obra a institucións e coleccionistas, a elaboración do catálogo, a asistencia na montaxe das mostras. No departamento de actividades, traballamos con aquelas iniciativas vinculadas á música, ás artes escénicas, ao deseño dos programas vinculados ao público familiar, etc. e, temos un departamento de produción onde se traballa coa execución dos programas, isto é o relativo ao montaxe dos escenarios, sistemas de luz e son, atención do público en sala, etc. Tamén contamos co servizo de educación, mediación e atención ao visitante que traballa cos grupos de visitantes para facerlles chegar tanto o proxecto arquitectónico e natural do Gaiás, como os proxectos expositivos.

Na entrevista do ano pasado dicías que un dos retos da cultura en Galicia era o de combinar talento artístico coa sostibilidade dos proxectos, así como pensar na cultura coma un investimento. Cres que melloramos nisto ou aínda queda moito por facer?

Considero que temos que continuar cun investimento sostido no eido cultural, apoiando aos artistas emerxentes e propiciando espazos de intercambio e reflexión. Pensemos que este tipo de investimentos comezan a ter visibilidade a medio e longo prazo e se non se basean en estruturas sólidas a nivel económico non poden medrar dun xeito harmónico. Considero que ao sector cultural, entre outras cuestións, cómpre darlle recursos económicos, tempo e tamén asumir un punto de risco para avanzar, darlle voz aos artistas e facer partícipe á sociedade dos proxectos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s