“Temos que pensar na cultura como un investimento, como unha opción de crecemento e desafío para unha sociedade mellor”

María Pereira Acción Cultural Cidade da Cultura

María Pereira é Directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura. Con ela falamos do seu traballo, imaxinamos a unha alumna ou alumno do noso máster traballando alí e preguntámoslle pola situación do sector da cultura en Galicia.

Fálanos un pouco do teu traballo. Que facedes en acción cultural na Cidade da Cultura?

Desde o departamento de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia encargámonos de ofrecer un programa cultural sostido ao longo do ano. A nosa oferta vincúlase con proxectos expositivos, fundamentalmente de produción propia; temos un apartado de actividades escénico musicais, con propostas como o festival “Escenas do Cambio”; un capítulo específico dirixido ás familias, onde propiciamos que adultos e cativos participen conxuntamente no seu tempo de lecer; promovemos iniciativas vinculadas a novos creadores como o “Encontro de Artistas Novos”, e desde logo, non descuidamos a celebración das efemérides como o Día das LetrasGalegas, o Día das Artes Galegas ou o Día da Música.

Xunto ao espazo arquitectónico deseñado por Peter Eisenman, nomeadamente no Museo Centro Gaiás, a nosa oferta está tamén presente nos espazos naturais que estamos a recuperar para o disfrute de todos. No mes de maio temos inaugurado a primeira edición de “Reb/veladas na paisaxe” un convite a intervir artísticamente no Bosque de Galicia e no Parque do Lago, dúas contornas naturais que arrodean a plástica arquitectura do Gaiás.

Asemade, desde o ano 2016 estamos a espallar a nosa programación cultural fora das nosas fronteiras en países coma Arxentina, Uruguay, Francia ou Xapón, levando exposicións que organizamos directamente como a de “José Suárez. Uns ollos vivos que pensan” ou a que temos agora no Museo “Baldomero Pestana. A verdade entre as mans” que visitou Madrid i en novembro vaise inaugurar en París, en colaboración co Instituto Cervantes.

Que non podemos perder da programación para os vindeiros meses?

De cara ao verán e acompañando as condicións climatolóxicas máis favorables, parte do noso programa trasládase ao exterior. Seguramente moitos coñecerán o ciclo de concertos “Atardecer no Gaiás”: máis de 20 sesións espalladas nos meses de xullo e agosto no que despedimos o día na praza exterior ao compás da mellor música e das novas tendencias, desde o indie, ao trap, pasando pola nova cumbia ou a electrónica.

Para os máis cativos xunto á nosa celebrada “Cidade Imaxinaria” no mes de agosto, convidamos a durmir nunha xornada lúdica e de disfrute no entorno natural como é a iniciativa titulada “Unha noite no bosque”.

Sigo a recomendar as visitas comentadas de balde que facemos ás exposicións “Galicia Universal” e “Baldomero Pestana”, á arquitectura do Gaiás, e ás novas intervencións artísticas na paisaxe.

Que consello (ou consellos) lle darías a un alumno ou alumna que quere traballar no eido da xestión cultural?

Considero en primeiro lugar que é importante entender o proxecto para o que se traballa: cales son as súas características básicas, é dicir: non é o mesmo desempeñar o teu traballo nun museo contemporáneo que nun espazo vinculado a unha persoalidade cultural, a unha artista ou autora determinada ou se o programa trátase dun festival concentrado nun espazo temporal ou a oferta cultural é contínua. Coñecer i explicitar os obxectivos para os que se traballa é unha cuestión esencial que ademáis teñen que coñecer todas as persoas que forman parte da organización. Desde logo ter unha formación acaida e continua para o desempeño profesional e, finalmente, considero que debeche gustar o teu traballo, ter ilusión e compromiso co que fas.

E máis alá da propia xestión e que ten que ver máis coa actitude co que se afronta o traballo, se tivera que nomear en tres palabras, que por suposto se poden aplicar a outros sectores, eu diría que é ben importante ter curiosidade, ilusión e respecto.

Se unha alumna ou alumno do noso máster traballara un tempo con vós (como bolseira/o), que faría? como sería o seu traballo?

En función do departamento asignado, ben no de actividades, no de exposicións ou en produción, o traballo variaría, pero fundamentalmente o que ofrecemos é realizar unha estadía nun entorno laboral, onde ademáis de adaptarse aos protocolos que isto supón: normativa, horarios ou confidencialidade, asistiría a tarefas como montaxes de exposicións, labores de asistencia no traballo con equipamentos técnicos, pescuda de documentación dos proxectos, introdución no manexo de informes, bases de datos ou a asistencia ás reunións de coordinación dos distintos departamentos o que lle permitiría coñecer dun xeito directo o funcionamento, fluxos de traballo e as distintas funcións que se realizan.

Dende o teu posto, como ves o sector da cultura en Galicia? Que botas en falta?

O sector da cultura en Galicia ten sufrido moito coa situación económica, esta é unha cuestión maior, xa que os orzamentos dispostos para o sector na súa globalidade reducíronse nunha porcentaxe inasumible para calquera esfera económica, e non me refiro únicamente ás subvencións ou patrocinios, senón ao consumo e o investimento personal no sector cultural e ademáis dun xeito drástico. Esta situación considero que aínda non está superada e, afondando máis, asistimos a un grande cambio social que afecta a todas as facianas da sociedade, como é a influencia da tecnoloxía no nosos hábitos e no consumo. A nosa realidade dixital: fragmentaria, áxil e volátil xoga en contra dunha realidade cultural que precisa de tempos máis longos, unha certa fondura e repouso.

Pola contra, se por algunha característica pódese definir ao noso territorio, poderíamos dicir que pola “alta concentración de creatividade”: a música, as artes visuais, a escena ou a literatura teñen vizosos representantes en Galicia.

Un dos grandes retos que temos toda a sociedade e nomeadamente os que nos adicamos á xestión cultural é o de combinar o talento artístico coa sostenibilidade dos proxectos; a conxugación da sustentabilidade económica e a visiblidade dos intanxibles que xenera. E, desde logo, pensar na cultura como un investimento, como unha opción de crecemento e desafío para unha sociedade mellor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s