
Hoxe falamos con Xosé Manuel Aldea, director da Culturgal Feira das Industrias Culturais e da editorial Ouvirmos. Falamos con el sobre a próxima edición da Culturgal, sobre formación, ou sobre os retos aos que se enfronta o sector. Non perdades as súas respostas.
A Culturgal 2018 celébrase a finais de ano. Que nos podes contar? Que novidades nos imos atopar?
Este ano temos dous obxectivos principais na Feira. Un é profundizar no coñecemento real dos nosos públicos, procedencia, motivacións, tempo de permanencia. Para isto queremos dixitalizar os procesos de xestión de públicos e protocolos de entrada ao recinto. O outro obxectivo é reforzar o mercado interno e tratar de chegar a novos públicos, aos que nós denominamos públicos de maior calidade e sensibilidade coa cutura galega.
A Culturgal é un dos mellores sitios dende os que observar a evolución do sector. Como cambiou o mundo da cultura en Galicia dende a primeira edición ata agora?
Esta será a 11ª edición da Feira Culturgal, no mundo da Cultura vivimos desde sempre en mudanzas permanentes aceleradas nos últimos anos pola irrupción de novos modelos de xestión e de consumo cultural motivados primeiramente pola aparición de Internet e despois polas redes sociais. Recentemente as ICC tivemos que superar varias crises, a crise do formato discográfico, a aparición e desaparción do CD como soporte, a crise do libro co novo formato de libro electrónico. Actualmente a crise dos puntos de venda minorista e as novas formas de distribución de produtos coa irrupción acelerada de plataformas de venda como Amazon. Esta última crise aínda em período de resolución. Por outra parte, na Feira cada vez é mais importante o peso das novas fórmulas empresariais e de xestións de proxectos culturais, xa se supera o 60% dos expositores que reservan o seu stand.
Que consello (ou consellos) lle darías a un alumna ou alumno que quere traballar no eido da xestión cultural?
O único consello que podo dar é que o noso traballo ten que ter moito de paixón. Traballar xestionando intanxibles, sensibilidades particulares, emocións colectivas, egos artísticos e, sobre todo, identidade porque a cultura xera principalmente identidade. É moi complicado se non existe un alto grao de compromiso persoal e paixón polo teu traballo.
Se unha alumna ou alumno do noso máster traballara con vós, que faría?
Dependerá un pouco dos proxectos que xestionemos nese momento concreto. Pero a previsión de traballo para o ano 2018 e 2019 na nosa empresa pasa pola xestión de actividades na Cidade da Cultura, a coordinación e xestión dos 9 premios culturais na Deputación da Coruña ou participar no desenvolvemento dalgún proxecto propio que estaremos definindo na súa fase inicial. E, por suposto, a Feira Culturgal segue sendo unha das principais cargas de traballo dependendo do momento do ano en que nos atopemos.
Que temos que mellorar en xestión cultural as institucións educativas, a Administración, etc., a que retos nos enfrontamos?
Fomentar a normalidade do mercado cultural, normalizar o factor de pago por parte do público nos espectáculos e servizos. Acotar a gratuidade da cultura-ocio desde as institucións públicas. Establecemento de plans estratéxicos de cultura, creación de leis de patrocinio e mecenado interesantes e avanzadas para permitir a participación activa e normalizada do capital privado na cultura.